DIARIO TEMA 6: AS PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS VIXENTES E AS OPOSICIÓNS
Ola! Como xa adiantei hai uns días, o tema 6, As programacións didácticas vixentes, serviunos para afondar nas programacións didácticas a nivel tanto teórico como práctico. Con todo, a programación didáctica non foi o único elemento curricular do tema. Tamén tivemos ocasión de achegarnos, para moitos de nós por vez primeira, ao concurso de oposición en Galicia.
Non é unha novidade que moitos dos alumnos que cada ano deciden matricularse neste mestrado teñen como obxectivo final preparar as oposición a docentes, no noso caso, para as especialidades de linguas estranxeiras. Se ben é certo que a titulación do mestrado dá acceso directo a posibles postos de traballo no ámbito privado e concertado (logo de pasar un proceso de selección propio de calquera empresa privada), para poder ser profesor titular na escola pública cómpre aprobar un concurso de oposición. A inestable situación económica e laboral actual, sumada ás vantaxes laborais de que goza o profesorado do ensino público fan que cada vez sexan máis as persoas interesadas en preparar este exame.
En España, unha parte importante das competencias en materia educativa dependen dos gobernos rexionais e son estes, ou máis ben as súas consellerías de educación, as encargadas de xestionar a selección do persoal docente e, en consecuencia, de convocar e levar a cabo o concurso de oposición. Por obvio que poida semellar, cómpre que os futuros candidatos teñan este dato en conta, xa que son moitos os factores relativos ás oposicións que varían dunha comunidade autónoma a outra.
Para poder inscribirse a un exame de oposición hai que saber que cada comunidade autónoma establece as súas propias convocatorias, con datas, relación de prezas e temario específico. Dependendo da rexión, o baremo para a valoración dos méritos tamén pode variar e mesmo pode ser posible que sexa necesario acreditar un determinado nivel dunha lingua cooficial para optar a unha praza pública de docente.
Sen ir máis lonxe, eu estou aberta a preparar oposicións nun futuro e despois de achegarnos na clase á convocatoria de 2020 en Galicia, indaguei sobre outras convocatorias noutras comunidades. Constatei que, por exemplo, o baremo de valoración de méritos na convocatoria de oposición de 2020 en Euskadi, malia ser semellante á da nosa comunidade, conta con algunhas diferenzas salientables. É o caso da valoración dos títulos de idiomas acreditados polas escolas oficiais de idiomas, un elemento clave aos que moitos opositores adoitan recorrer para mellorar a súa puntuación no apartado de formación académica. Así, mentres en Galicia se consegue 1 punto por cada certificado de nivel avanzado ou equivalente, en Euskadi esta distribución de puntuación é máis complexa: por cada certificado de nivel avanzado (B2) ou equivalente, só se conseguen 0.5 puntos, mentres que por cada certificado de aptitude (C1) ou equivalente 0,75 puntos e só por cada certificado de nivel C2 pode acadarse 1 punto.
Comentarios
Publicar un comentario