TEMA 3: O PLURILINGÜISMO E A UNIÓN EUROPEA

Ola! Nesta entrada vou falar do multilingüismo e o plurilingüismo, dous conceptos abordados no tema 3. Ademais, a partir da definición do plurilingüismo, vou afondar na realidade plurilingüe de Europa e vou comentar algunhas das ferramentas das que se vale o Consello de Europa para fomentar o plurilingüismo nos Estados membros.

O multilingüismo e o plurilingüismo

O multilingüismo e o pluriligüismo, aínda que ás veces se empregan como sinónimos, son en realidade dous termos diferentes que designan realidades distintas. O multilingüismo é a coexistencia de varias linguas dentro dunha sociedade determinada. Nunha sociedade multiligüe non todos os falantes teñen que falar diferentes idiomas, pero si unha gran parte.

Pola súa banda, o plurilingüismo é o emprego de dúas ou máis linguas por parte dun individuo, de maneira que se establece unha interrelación entre as linguas que favorece o desenvolvemento da competencia comunicativo do suxeito que as fala. No plurilingüismo, o abano de linguas e variedades lingüística dun falante inclúen diferentes niveis e tipos de competencias. Dito abano é dinámico e pode mudar na súa composición ao longo da vida do individuo, quen pode esquecer, por exemplo, unha lingua falada na infancia en favor doutra lingua aprendida co tempo.

O plurilinguismo na Unión Europea

O plurilingüismo é entendido no seo da Unión Europea como un instrumento que permite o contacto entre diferentes pobos e culturas. Neste sentido, as políticas lingüísticas europeas articúlanse arredor da promoción do plurilingüismo entre os estudantes, sen pretender que estes alcancen un nivel case nativo de competencia, pero si un nivel abondo que lles permita relacionarse con outros cidadáns dos Estados membros.

No seu afán por fomentar o plurilingüismo e o respecto á diversidade lingüística, a Unión Europea vén pondo diferentes proxectos de dinamización lingüística en marcha nas últimas décadas. Dende a fundación do Centro de Linguas Modernas de Graz ata a creación do Marco Común Europeo de Referencia das Linguas (tratadono tema 2), son moitos os proxectos e as iniciativas que existen na actualidade para o fomento do plurilingüismo en Europa. A continuación comentarei algúns dos máis salientables.

O Centro Europeo de Linguas Modernas de Graz

O Centro de Linguas de Graz é unha institución creada en 1994 polo Consello de Europa co obxectivo de promover a ensinanza e a aprendizaxe das linguas modernas en Europa. A función deste órgano é levar a cabo a posta en práctica de políticas lingüísticas e promover a excelencia e a innovación na ensinanza de idiomas. As actividades organizadas polo Centro (talleres, coloquios, seminarios, etc.) enmárcanse en programas cuadrienais.

A Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais

A Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais é un acordo ratificado en Estrasburgo en 1992 polos Estados membros do Consello de Europa para a defensa e a protección de todas as linguas minoritarias europeas. O documento engloba as linguas rexionais e minoritarias, as linguas non territoriais e as linguas oficiais menos difundidas. En concreto, a Carta establece os principios básicos e os obxectivos sobre os que os países europeas elaborarán as políticas e a lexislación lingüística, considerándose deste xeito un marco de referencia para a conservación das linguas minoritarias europeas.

O Día Europeo das Linguas

O Día Europeo das Linguas celébrase cada ano o 26 de setembro dende o 2001. Esta iniciativa, ideada polo Consello de Europa, busca fomentar a aprendizaxe de idiomas en Europa a calquera idade, dentro e fóra do contexto escolar. A través das actividades propostas no marco do DEL búscase visibilizar a importancia das linguas e diversificar a variedade de linguas aprendidas para fomentar o plurilingüismo e a comunicación intercultural.

O Portfolio Europeo das Linguas

O Portfolio Europeo das Linguas é un documento persoal deseñado e promovido polo Consello de Europa en que os estudantes dunha lingua poden rexistrar as súas experiencias de aprendizaxe da lingua e da cultura e reflexionar sobre elas. Este Portfolio consta de tres elementos: o pasaporte de linguas, a bibliografía lingüística e o dossier. O pasaporte está pensado para que o titular do Porfolio o vaia actualizando con certa regularidade e reflicte as competencias que o usuario ten da lingua. Na bibliografía lingüística inclúense as experiencias do estudante da lingua e serve de guía para planificar e avaliar o progreso. Pola súa banda, o dossier contén exemplos de traballos persoais a modo de ilustración das destrezas e dos coñecementos lingüísticos.

Erasmus +

O Erasmus + é, se cadra, a ferramenta europea de promoción do plurilingüismo máis coñecida. Consiste nun programa de mobilidade europeo para a educación, a formación, a xuventude e o deporte. Foi aprobado polo Consello Europeo e posto en marcha no ano 1987. A través deste programa, que leva asociadas axudas económicas de fondo europeo, unha persoa pode realizar unha estadía educativa ou formativa de varios meses de duración noutro país membro da Unión Europea. 

 

 

Referencias:

http://sepie.es/doc/comunicacion/jornadas/2015/jornada-movilidad-valencia/presentaciones/BeatrizTouron.pdf

https://lateinamerika.phil-fak.uni-koeln.de/fileadmin/sites/aspla/bilder/ip_hausarbeiten_cluj/Mikeldi_Miranda.pdf

http://recursostic.educacion.es/blogs/europa/index.php/2011/11/21/el-centro-europeo-de-lenguas-modernas-celm

https://www.coe.int/es/web/compass/european-charter-for-regional-or-minority-languages

https://edl.ecml.at/Home/Whatisit/tabid/1760/language/es-ES/Default.aspx

http://sepie.es/iniciativas/portfolio/index.html

https://www.esn-spain.org/Erasmus

Comentarios

  1. Ola Andrea, son Pablo Mouriño. Pareceume super interesante a túa entrada.

    Como mencionas, non é extraño atopar casos nos que plurilingüismo e multiligüismo utilizánse coma palabras sinónimas, de feito, teño que admitir que ás veces eu mesmo confundo os conceptos pese a que meus profesores e profesoras de grado xa me explicaran as diferencias entre ambos termos.

    Descoñecía as medidas concretas que a Unión Europea aplicara para fomentar o pluriligüismo e a preservación das linguas minoritarias. Coñecer a existencia da Carta Europea das linguas Minoritarias ou Rexionais a través da túa entrada e non coñecela con anterioridade creo que é un claro indicio da súa importancia.

    Felicítote polo teu traballo e a claridade da túa entrada. Saúdos!

    ResponderEliminar
  2. Parabéns pola entrada, Andrea! Interesantísima esta listaxe de organizacións e ferramentas de difusión que inclúes como parte do esforzo común para reivindicar as importancia das linguas. En especial, o Portofolio de Linguas paréceme unha idea que incluso podería ser parte estándar dunha clase de linguas: facilitar a todos os alumnos unha plantilla para que completen o seu pasaporte e a súa bibliografía personal. Intúo que entre as cousas que os alumnos incluirían nestes documentos, os profesores atoparíamos novas fontes de inspiración para a preparación das clases. Así mesmo, penso que un pasaporte, ou unha biografía individual, coa súa validez formal, poden axudar aos alumnos a basear os seus estudos en algo tanxible, como una ferramenta visual que mide o seu progreso e lles permite constatar os seus avances así vaian incluíndo idiomas e habilidades.
    Grazas pola entrada!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares