TEMA 2: O MCER E A MEDIACIÓN

Ola! Nesta ocasión vou introducir o MCER (Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas) e vou falar un pouco máis en profundidade sobre a mediación lingüística.

 

O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas

O MCER é un estándar internacional que define a competencia lingüística. Proporciona os alicerces comúns para a elaboración de programas de linguas e de orientacións curriculares en toda Europa. Este marco recolle de maneira integradora todo aquilo que se espera que un estudante dunha lingua debe aprender co fin de empregala para comunicarse, así como os coñecementos e as destrezas que cómpre desenvolver para facelo dun xeito eficaz.  Así mesmo, o MCER define os niveis de dominio da lingua que permiten avaliar o progreso do alumnado en cada etapa da aprendizaxe e ao longo da vida. En definitiva, o MCER é un instrumento que permite romper as barreiras producidas polos diferentes sistemas educativos europeos que de algunha maneira limitan a comunicación entre os profesionais que traballan no eido das linguas estranxeiras.

Este marco, que é unha ferramenta ideada en Europa e para a comunidade europea, emprégase actualmente como referencia en todo o mundo para definir as destrezas lingüísticas dos estudantes nunha escala que vai dende o nivel A1, nivel básico, ata un nivel C2, nivel de dominio excepcional da lingua.

 

A mediación

Unha das grandes achegas do MCER é a introdución da mediación como modelo comunicativo. A mediación consiste en posibilitar a comunicación lingüística, de xeito oral ou escrito, entre persoas que non son quen, por calquera razón, de comunicárense entre si directamente. A mediación, por tanto, permite crear o espazo e as condicións axeitadas para que un mediador axude a terceiras persoas a construír significados a partir de textos nunha lingua que non dominan ou que descoñecen por completo. Esta axuda pode consistir na transmisión de información, na explicación de cousas ou conceptos que non se entenden, na simplificación de algo que resulta demasiado denso ou no resumo de algo moi extenso, entre outras posibilidades.

De acordo co recollido no MCER, nas actividades de mediación o usuario da lingua non se centra na súa propia expresión, senón que actúa como un instrumento activo de comunicación entre dous usuarios incapaces de comprenderse entre si. Estas actividades de mediación lingüísticas agrúpanse segundo o seu carácter oral ou escrito.

Entre as actividades de mediación oral atópanse a interpretación simultánea (conferencias, reunión e discursos formais), interpretación consecutiva (discursos de benvida e visitas guiadas) e interpretación informal para persoas que visitan un país estranxeiro, para situación sociais ou de transaccións con amigos, familiares ou convidados estranxeiros e para comprender sinais, menús, noticias, etc. Pola súa banda, a mediación escrita abarca actividades como a tradución fiel (contratos ou textos científicos e legais), a tradución literaria (novelas, teatro ou poesía), a síntese de información na mesma lingua ou entre dúas linguas diferentes (xornais e artigos de revistas) e a paráfrase.

En España existe unha clara vontade por introducir a mediación lingüística nas ensinanzas de idiomas e reflexo disto é o novo sistema de avaliación que progresivamente están adaptando as Escolas Oficiais de Idiomas. Este novo modelo consiste en incluír unha quinta proba de avaliación nos exames de certificación de idiomas. No sistema tradicional que coñeciamos ata hai ben pouco, os exames consistían en facer fronte a 4 probas diferentes, correspondentes ás 4 destrezas lingüísticas (expresión oral, expresión escrita, comprensión oral e comprensión escrita). Porén, a tendencia a partir de agora é incluír a mediación como quinta destreza a avaliar. Con todo, o proceso de implantación deste modelo aínda non é xeneralizado. Na actualidade, comunidades como Galicia, o País Vasco, Navarra e Cataluña teñen xa establecido este novo modelo de avaliación, mais espérase que todas as comunidades autónomas actualicen o seu sistema nun curto período de tempo e pronto poidamos dicir que a mediación é unha realidade na ensinanza de linguas en España, polo menos no ámbito das Escolas oficiais de Idiomas.

 

Un exemplo de avaliación da mediación

A modo de ilustración do novo sistema de avaliación da mediación, preséntovos o modelo de avaliación do nivel C1 para calquera idioma vixente na actualidade para as Escolas Oficiais de Euskadi. Neste sistema, a destreza de mediación conta o 20 % do total (100 %) do exame e consta de dúas tarefas: unha actividade de mediación escrita de 25 minutos de duración e outra de mediación oral de 4 minutos.

Na actividade de mediación escrita o candidato debe redactar unha produción de 70-90 palabras. Para levalo a cabo hai dúas opcións: adecuar, resumir, sintetizar ou parafrasear un texto oral (máximo 2 minutos) ou escrito (máximo 310 palabras) ou ben transmitir a información dunha infografía (gráfica, cartel ou anuncio) tendo en conta as características do contexto.

Na actividade de mediación oral o candidato debe producir un discurso de 2 minutos para o que disporá de 20 minutos de preparación. Para isto pode tamén hai dúas opcións: adecuar, resumir ou sintetizar un texto oral (máximo 2 minutos) ou escrito (máximo 250 palabras) ou ben transmitir a información dunha infografía (gráfica, cartel, anuncio) tendo en conta o contexto.

 

Referencia:

https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/cvc_mer.pdf

https://rm.coe.int/16802fc1bf

https://reall.es/la-mediacion-en-el-nuevo-marco-comun-europeo-de-referencia-para-las-lenguas/

https://www.euskadi.eus/contenidos/informacion/dic6_modelos_de_examen/es_def/adjuntos/descripcion_pruebas/C1_Descripcion_prueba.pdf

Comentarios

Publicacións populares