TEMA 11 DIDÁCTICA: A avaliación na aula de linguas estranxeiras
Ola de novo, compañeiras!
Esta entrada corresponde ao tema 11 da materia de Didáctica e nela vou abordar
a avaliación das linguas estranxeiras. En concreto, voume centrar nos
conceptos de avaliación inicial, formativa e final e no
emprego de descritores ou rúbricas. Comezarei ofrecendo unha
definición actualizada de avaliación, despois afondarei nos tipos de avaliación
vistos ao longo do tema e rematarei coa abordaxe das rúbricas e unha conclusión
persoal.
Avaliación (que non cualificación)
Como sabedes, neste blog titulado Innovando na docencia veño publicando dende hai uns meses diferentes entradas relacionadas cos contidos dalgunhas materias do Mestrado en Profesorado. Moitas das publicacións versan sobre procesos, técnicas e conceptos que, dunha maneira ou outra, supoñen un elemento de innovación no eido da docencia. Esta última entrada non é menos e, neste sentido, gustaríame subliñar a idea de avaliación como un dos procesos de innovación docente que como futuras profesoras debemos asimilar. E digo innovador porque efectivamente a avaliación non é aquilo que tradicionalmente coñeciamos como cualificación.
A avaliación das aprendizaxes das linguas estranxeiras é, polo tanto, o proceso que permite observar, apañar e analizar información significativa respecto ao proceso de aprendizaxe dos estudantes co obxectivo de reflexionar, emitir xuízos de valor e tomar as decisións pertinentes e oportunas para guiar e mellorar a docencia e a propia aprendizaxe. En consecuencia, a avaliación educativa é un proceso amplo e complexo que nonse limita a asignar unha cualificación.
Avaliación inicial
Esta avaliación diagnóstica lévase a cabo ao inicio do curso académico e ten como obxectivo avaliar os coñecementos e as competencias con que conta o alumnado na lingua estranxeira. Unha óptima avaliación inicial da competencia lingüística debería contar cunha parte oral e outra escrita. Daquela, a información apañada mediante esta avaliación supón o punto de partida sobre o que se irán engadindo novos coñecementos. Esta avaliación resulta fundamental para coñecer o nivel real do alumnado e adecuar o proceso de ensinanza-aprendizaxe ás súas necesidades.
Avaliación formativa
Neste tipo de avaliación obsérvase e rexístrase a aprendizaxe dos alumnados co obxectivo de proporcionarlles un feedback continuo que pode ser empregado polo profesorado como ferramenta de mellora do ensino e polo alumnado como indicador da súa aprendizaxe. Esta avaliación formativa parte da información apañada na avaliación inicial e permite comprobar se se está a avanzar na aprendizaxe e se as estratexias de ensinanza son as máis adecuadas para conseguir os obxectivos fixados nun principio ou se habería que modificar o ritmo da ensinanza.
Para poñer en práctica este tipo de avaliación cómpre ter en conta que esta debe ser transparente e consistente, que debe preestablecer uns obxectivos claros, que debe proporcionar un feedback descritivo e que debe incluír diferentes instrumentos de avaliación (observación, entrevistas, cuestionarios, sondaxes, diarios, portfolios, listas de control, baremos, rúbricas, etc,)
Na docencia baseada na avaliación formativa resulta clave que o alumno saiba que se espera del e que poida modificar as súas prácticas para reducir a distancia entre os resultados de aprendizaxe esperados e os obtidos. Dende esta perspectiva, o feedback proporcionado a partir dos diferentes instrumentos de avaliación debe estar dirixido a reducir a distancia entre o punto da aprendizaxe en que está o alumno e o punto onde debería estar. É dicir, o obxectivo final do feedback é xustamente facer ao estudante responsable da súa propia aprendizaxe e potenciar o seu progreso.
A avaliación formativa, no seu plano máis innovador, agrupa diferentes metodoloxías, entre as que destaca a avaliación realizada polo profesor como a máis habitual na posta en prácticas. No entanto, tamén integra outras metodoloxías como a autoavaliación e coavaliación. Estudos recentes demostran que estas dúas modalidades de avaliación resultan enormemente beneficiosas para o alumnado ao fomentar o espírito crítico e a responsabilidade e a toma de conciencia do proceso de aprendizaxe. Con todo, ás veces non resulta doado facer que funcionen e, sen dúbida, requiren un adestramento previo e un alto compromiso por parte do alumnado.
Avaliación sumativa
Despois da aplicar a avaliación inicial e a avaliación formativa, a avaliación sumativa non é máis que a suma de todos os resultados das ferramentas de avaliación empregadas durante un determinado período do proceso de aprendizaxe. A súa función consiste en verificar, acreditar, cualificar e promocionar. Daquela, o obxectivo da avaliación sumativa sempre se mide a medio ou longo prazo e permite coñecer se se cumpriron os obxectivos preestablecidos e á vez saber se a programación didáctica foi efectiva no proceso de aprendizaxe do alumnado.
Rúbrica
A rúbrica é unha ferramenta de avaliación de gran utilidade, especialmente aplicable na avaliación formativa. Consiste nun documento que describe distintos niveis de calidade dunha tarefa e permite dar un feedback informativo ao alumnado das súas competencias. Esta ferramenta guía ao alumnado á hora de enfrontarse ás tarefas abordadas no proceso de aprendizaxe e determina os obxectivos para unha satisfactoria realización das mesmas.
As rúbricas deben estar elaboradas de maneira específica para cada actividade da aprendizaxe e deben adaptarse aos obxectivos preestablecidos para a mesmas. Con todo, a súa elaboración non é doada e require certa práctica. Para achegarnos un pouco máis ao seu emprego, no tema 11 elaboramos nós mesmas, en pequenos grupos de traballo, unha rúbrica de avaliación adaptada aos obxectivos de aprendizaxe esperados para a tarefa de mediación deseñada no tema 3 desta mesma materia. Así, esta tarefa colaborativa permitiunos experimentar a complexidade da elaboración dunha rúbrica e tomar un primeiro contacto a nivel práctico coa avaliación.
Reflexión persoal
Se ben queda ninguén dubida que o futuro da avaliación das linguas estranxeiras pasa por aplicar unha avaliación formativa que substitúa de vez a epidemia dos exames finais, gustaríame resaltar nesta reflexión a importancia da avaliación inicial, moitas veces a gran esquecida no noso sistema educativo. Neste sentido, gustaríame resaltar a importancia deste tipo de avaliación que como docentes non deberiamos esquivar ou eludir, dando por feito un determinado nivel da lingua no grupo de clase segundo o curso académico precedente, pois os grupos adoitan ser heteroxéneos e ás veces o nivel non se corresponde co que nós intuímos ou esperamos.

Ola Andrea! Noraboa pola entrada, penso que fixeches un repaso moi completo e ben detallado dos principais contidos que cubrimos nestas sesións. Coido que a túa reflexión sobre a avaliación inicial é moi acertada, de feito na miña vida como estudante non lembro nunca que se fixera nada ó respecto e, nas clases de linguas sobre todo, había unha disparidade enorme que depois complicaba bastante as cousas. Penso que, de facer avaliacións diagnósticas máis amiúdo, o profesorado estaría máis preparado para abordar as aulas pero, sobre todo, para deseñar actividades que se axusten tanto ó alumnado máis avanzado coma ó que poida ter maís dificultade. Sei que en teoría, esta atención á diversidade xa se facilita nas aulas, pero dende logo cando eu estudaba notaba que se tendía a seguir o nivel exposto no libro: se o teu nivel era máis alto as clases eran un peñazo e se era máis baixo acababas odiando a materia (e a lingua) porque non dabas entendido nunca nada. O resultado é que ó final só uns poucos avanzaban na materia.
ResponderEliminarUnha aperta!