TEMA 1: AS LEIS EDUCATIVAS E O ENSINO DE LINGUAS EN ESPAÑA

 Ola! Nesta entrada vou falar dalgúns dos puntos tratados ao longo do tema 1. Primeiro farei un breve repaso das leis educativas aprobadas en España nas últimas décadas e despois reflexionarei sobre o modelo educativo e a miña experiencia nel en calidade de alumna.

 

As leis educativas das últimas décadas en España

Dende a instauración da democracia en España a finais dos anos setenta do século pasado, a educación formal estivo rexida por diferentes leis. A primeira delas foi a LGE (Lei General de Educación) do ano 1970 que, malia ser aprobada durante os últimos anos do franquismo, continuou en vigor ata 1985, ano en que se aprobou a LODE (Ley Orgánica del Estatuto de los Centros Escolares) da man do goberno do PSOE. Porén, entre a LGE e a LODE, a UCD sacou adiante en 1980 a que sería a primeira lei educativa en democracia pero que nunca chegaría a aplicarse: a LOECE (Ley Orgánica del Estatuto de los Centros Escolares). Pouco despois, no ano 1990, o mesmo goberno socialista aprobou a LOGSE (Ley Orgánica de Ordenación General del Sistema Educativo), lei que derrogaba a LODE e que confería maior autonomía educativa ás comunidades autónomas. En 2002 e xa cun cambio de goberno, o PP aprobou a LOCE (Ley Orgánica de Calidad de la Educación) que, como a LOECE, tampouco chegou a aplicarse. O PSOE recuperou o poder en 2004 e dous anos despois, en 2006, aprobou a LOE (Ley Orgánica de Educación), se cadra a máis centrada na dimensión social da educación de entre todas as lei aprobadas ata o memento. En 2013, coa volta do PP á fronte do goberno, aprobouse a LOMCE (Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa), que supuña unha modificación da lei anterior. Finalmente, a finais do ano 2020 aprobouse a última lei educativa ata o de agora, a LOMLOE (Ley Orgánica de modificación de la LOE), defendida pola actual coalición de goberno dirixida polo grupo socialista.

Na historia recente de España, como queda comprobado, a educación estivo regulada por un número considerable de leis educativas. Resulta habitual ver que coa chegada dun novo partido ao poder, este elabora e aproba unha nova lei educativa fundamentada en gran medida nos seus principios ideolóxicos, coa xustificación de mellorar e optimizar o sistema educativo.

 

O ensino de linguas no modelo español actual

Centrándonos máis na materia que nos compete, podemos dicir que pese ás distintas leis educativas que orientaron a nosa ensinanza nas últimas décadas, España segue a ser un país ao que se lle resisten as linguas estranxeiras. De feito, en 2016, o noso país atopábase nos últimos postos da clasificación de estados europeos segundo o número de idiomas estranxeiros falados polos seus habitantes, de acordo con Statista.

Aínda que non todo é negativo no país en materia de educación lingüística. A pesar das deficientes taxas de coñecemento de idiomas estranxeiros e o incesante cambio de leis educativas, podemos dicir que a política de linguas propias, referidas ás linguas cooficiais, goza de certo estatus fronte a outros estados europeos. Neste sentido, España é un país plurilingüe, onde o español convive de facto na escola co galego en Galicia, o éuscaro no País Vasco e Navarra e o catalán en Cataluña, a Comunidade Valencia e as Illas Baleares. En consecuencia, unha parte importante do alumnado do noso país é, cando menos, bilingüe.

Emporiso, a mellora real do dominio de linguas estranxeiras en España debería centrar esforzos dentro da comunidade educativa nos anos vindeiros. Cómpre reflexionar sobre os problemas da aprendizaxe de linguas estranxeiras no noso país. Se é evidente que o constante cambio lexislativo en materia educativa semella non estar á altura das necesidades, tamén é posible que o sistema de ensinanza-aprendizaxe que vimos empregando historicamente tampouco sexa o máis axeitado. É dicir, é posible que o noso problema radique en algo que traspasa os documentos legais e seu o contido e teña máis que ver co xeito en que programamos as materias de idiomas nos centros educativos.

 

Unha experiencia persoal

A miña experiencia como alumna deste mesmo sistema educativo que agora analizo e animo a mellorar non é todo o positiva que cabería esperar en relación á ensinanza de linguas estranxeiras. Lembro que as clases da ESO e do Bacharelato eran eminentemente teóricas e gramaticais e que a expresión oral non adoitaba traballarse con frecuencia. Por sorte, tamén tiven a oportunidade de continuar coa miña formación en idiomas a través da Escolas Oficiais de Idiomas e a experiencia educativa nelas foi moito mellor. Se cadra debeuse en aprte ó feito de que o alumnado destes centros adoita ser adulto e a matriculación e a asistencia ás clases voluntaria, o que favorece que os estudantes estean máis motivados e que as clases sexan oralmente máis dinámicas.

En calquera caso, pese a que esta que acabo de compartir sexa a miña experiencia persoal, teño a impresión de que é un relato compartido por máis persoas da miña xeración e de xeracións anteriores á miña. Por iso creo que a comunidade educativa, incluídos nós mesmos como estudantes deste mestrado, debemos reflexionar sobre os problemas que aínda perduran no sistema educativo en relación á ensinanza das linguas estranxeiras.

En que lingua se imparten as clases de idiomas? Que técnicas educativas aplicamos? Cántos alumnos hai por aula? Se cadra responder as estas preguntas pode supor un primeiro paso nese proceso de reflexión e mellora que tanto demanda o noso sistema educativo.

 

Referencias:

https://www.teinteresa.es/educa/siete-leyes-educativas-franco-wert-zapatero-aznar-ucd-psoe-pp_0_1007900025.html

https://es.statista.com/grafico/15627/personas-que-hablan-mas-de-una-lengua-extranjera-en-la-ue-en-2016/

Comentarios

Publicacións populares