DIARIO TEMA 5: AS COMPETENCIAS CLAVE

Ola! Nesta nova entrada vou abordar as competencias clave, un dos elementos tratados no tema 5 que resulta imprescindible para a elaboración e a aplicación do currículo da ESO e do Bacharelato.

As competencias clave son aquelas que cada alumno debe acadar ao remate da súa educación obrigatoria. A Unión Europea insta a todos os Estados membro a promover estas competencias, definidas na Recomendación do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente como as habilidades necesarias para a plena realización persoal, a cidadanía activa, a cohesión social e a empregabilidade na sociedade do coñecemento. A LOMCE, lei educativa vixente na actualidade, establece sete competencias clave que deben ser reforzadas ao longo da Educación Primaria e Secundaria (ESO e Bacharelato).

Estas competencias imprescindibles para o desenvolvemento persoal do alumnado son as seguintes: 

  •  Competencia en Comunicación Lingüística (CCL): refírese á habilidade para empregar as linguas, ben sexan oficiais ou estranxeiras, para expresar ideas e interacturar con outras persoas de maneira oral ou escrita.
  •  Competencia Matemática e Competencias básicas en Ciencia e Tecnoloxía (CMCCT): refírese á capacidade do alumnado para poñer en práctica os seus coñecementos e as súas destrezas en matemáticas e en ciencias experimentais para resolver diferentes problemas ou situación da súa vida diaria.
  • Competencia dixital (CD): refírese ás habilidades do alumnado para facer un uso seguro e crítico das tecnoloxías da información e da comunicación, así como para analizar e intercambiar información a través de medios e soportes dixitais.
  • Competencia en Aprender a Aprender (CAA): refírese á implicación do alumnado para o desenvolvemento da súa capacidade de iniciar un aprendizaxe, organizando o seu tempo e as súas tarefas, de maneira individual ou en grupo, ata alcanzar un obxectivo. 
  • Competencias Sociais e Cívicas (CSC): refírense ás capacidades para relacionarse coas persoas e participar de maneira activa e democrática na vida social e cívica. 
  • Competencia en Sentido de Iniciativa e Espírito Emprendedor (CSIEE): refírese ás habilidades necesarias para converter as ideas en actos, como a creatividade o as capacidades para asumir riscos e planificar e xestionar proxectos. 
  • Competencia en Conciencia e Expresións culturais (CCEC): refírese á capacidade para apreciar a importancia doutras linguas e doutras culturas.

Como resulta obvio, a competencia clave arredor da que pivotarán as materias de linguas estranxeiras para as que nos estamos a especializar como docentes é a competencia en comunicación lingüística. No entanto, cabe lembrar que  pese a iso, a programación didáctica dunha materia de linguas estranxeiras debe fomentar dun xeito ou doutro o resto das competencias claves, outorgando especial protagonismo á competencia dixital.

Comentarios

Publicacións populares