DOSIER TEMA 5: O DESEÑO CURRICULAR BASE PARA AS LINGUAS ESTRANXEIRAS

 

Nesta entrada vou falar das actividades levadas a cabo ao longo do tema 5, O deseño curricular base para as linguas estranxeiras, centrándome especialmente nos dous métodos de traballo que me pareceron máis interesantes dende o punto de vista do proceso de aprendizaxe.

Neste tema familiarizámonos co deseño curricular da ESO, do Bacharelato, da Formación Profesional e das Ensinanza de idiomas de réxime especial, contextualizados dentro da lexislación española e galega. Para traballar os contidos específicos do curículo, os seus elementos, as súas competencias básicas e os seus graos de concreción, fixemos un Kahoot e varias actividades baseadas no traballo colaborativo.

O Kahoot é unha ferramenta de aprendizaxe en liña que permite aprender ou afianzar coñecementos a través dun xogo de preguntas, unha sorte de concurso creado polo docente en que o alumnado participa en calidade de concursante. No noso caso, o Kahoot consistiu en contestar unha batería de preguntas relativas ao temario que previamente debiamos ler e asimilar sobre o deseño curricular das linguas estranxeiras e os seus graos de concreción curricular. Malia que a dinámica do xogo non foi valorada satisfactoriamente por todos os membros do grupo, penso que é unha ferramenta moi útil e amena para afianzar ou mesmo presentar coñecementos sobre un tema. O feito de que o profesor poida marcar o ritmo do xogo e intervir para explicar ou matizar individualmente as respostas paréceme unha práctica interesante de ensinanza-aprendizaxe. Sen dúbida, aprecio a inclusión deste xogo neste tema 5, onde gran parte do material que manexamos está conformado por contidos lexislativos que adoitan resultan algo densos para unha primeira toma de contacto como futuros docentes.

O traballo colaborativo entre o alumnado foi outro dos métodos de abordaxe dos contidos deste tema. O traballo colaborativo ou traballo en equipo levouse a cabo en dúas actividades diferentes. A primeira delas consistiu na división da clase en grupos de catros ou cinco alumnos e na repartición de temas para tratar. Así, cada grupo tivo que especializarse nun aspecto concreto dos currículos das linguas estranxeiras para a ESO, o Bacharelato e a a FP para despois presentalo ao resto dos grupos. Desta maneira, entre todos os grupos foi posible ir estruturando e construíndo o coñecemento de maneira conxunta. A segunda actividade consistiu nunha dinámica semellante na que se prescindiu dos grupos; é dicir, esta vez cada alumno tivo que especializarse de maneira individual nun punto concreto do currículo das linguas estranxeiras nas EOIs para despois presentalo ao resto dos compañeiro e así construír o coñecemento. O traballo colaborativo, sexa orquestrado de maneira individual ou en grupo, paréceme unha práctica interesante coa que establecer un proceso de aprendizaxe activo, que podería aplicarse tanto a esta materia do mestrado como á ensinanza de idiomas a calquera nivel.

Velaquí a miña aportación individual e en grupo á construción colaborativa do coñecemento para as actividades dous e un deste tema 5, respectivamente.

 

 

Comentarios

Publicacións populares