TEMA 1 DIDÁCTICA: Situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras

Este 2021 estreámolo cunha nova entrada sobre o primeiro tema da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nel  afondamos nas semellanzas e diferenzas do proceso de ensino-aprendizaxe dunha lingua materna e estranxeira, analizamos os conceptos de lingua inicial, segunda lingua e lingua estranxeira e estudamos outros conceptos clave como o repertorio lingüístico, a comunidade de lingua, a comunidade lingüística e a interlingua.

Unha vez máis, o contido de estudo deste primeiro tema organízase de maneira teórica e práctica. Así, as clases combinan unha parte de teoría, centrada no significado e na análise dos conceptos clave anteriormente mencionados, e unha parte especialmente práctica, baseada na reflexión e no traballo en grupo. En concreto, na parte máis práctica traballamos sobre a metodoloxía de ensino de linguas aplicada a exemplos concretos e creamos un repertorio lingüístico individual e colectivo entre todos os compañeiras da clase. Sen dúbida, este xeito de traballar combinando teoría e práctica en grupo é un dos acertos da planificación deste tema, posto que axuda a dinamizar as clases, facilita a fixación de conceptos e, á vez, fomenta a aprendizaxe colaborativa.

Nesta entrada gustaríame repasar un concepto que introducimos na materia de Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional e que retomamos neste tema: a ensinanza das linguas estranxeiras a través do modelo alternativo AICLE. Considero que facer unha breve revisión desta didáctica podería resultar útil como material de consulta rápida para as compañeiras e para min mesma nun futuro.

Con todo, antes de afondar nesta metodoloxía non convencional da ensinanza de linguas estranxeiras, convén lembrar as principais diferenzas entre lingua estranxeira e lingua inicial e segunda lingua. Os lingüistas refírense á lingua inicial ou lingua materna como a primeira lingua que aprende a falar un individuo, é dicir, a lingua que se aprende na etapa anterior á escolarización, dun xeito inconsciente e sen ningunha intención concreta. Pola súa banda, a segunda lingua adquírese sempre despois da lingua materna e a súa aprendizaxe pode ter lugar en diferentes contextos: na escola, na rúa ou mesmo no fogar. En cambio, unha lingua estranxeira apréndese só no ámbito escolar (formal), de maneira totalmente consciente e cunha intención clara. En consecuencia, as metodoloxías de ensinanza de linguas varía substancialmente en función da categoría da lingua de estudo. Neste sentido, as linguas estranxeiras impártense empregando didácticas específicas, algunhas eminentemente  tradicionais e outras, cada vez máis habituais, modelos alternativos como é o caso do método que se presenta a continuación.

 

AICLE

A Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras (AICLE), tamén coñecido pola súa sigla en inglés CLIL, é un enfoque docente centrado no concepto de "inmersión lingüística". Consiste en aprender contidos asemade que unha lingua estranxeira de maneira integrada. Esta metodoloxía foi creada polo académico David Marsh en 1994, que a define como unha metodoloxía que «fai referencia ás situacións nas que se ensina as materias ou certas parte das materias nun lingua estranxeira cun obxectivo dobre, a aprendizaxe de contidos e a aprendizaxe simultáneo dunha lingua estranxeira».

Tradicionalmente argumentábase que na aprendizaxe de idiomas dáse excesiva importancia á gramática en detrimento da competencia de expresión oral, cando realmente unha das finalidades dunha lingua e xustamente poder falala. De aí que moitas xeracións anteriores ás actuais acabaran os estudos medios sen poder manter unha conversa na lingua estranxeira. Daquela, a proposta desta metodoloxía é acabar coa aprendizaxe do idioma estranxeiro como unha materia independente da programación académica, senón introducila como vehículo de comunicación noutras materias. Deste xeito, a aprendizaxe da nova lingua pasa de estar exclusivamente enfocada en obxectivos lingüísticos a mellorar tamén a competencia comunicativa do alumnado, ofrecendo contextos reais. Daquela, o emprego da lingua estranxeira como ferramenta de aprendizaxe do contido doutras materias preséntase como a situación máis real e adecuada, o que, por outra banda, favorecerá a motivación do alumnado e as ganas de mellorar o seu nivel de lingua estranxeira.

A posta en funcionamento desta metodoloxía baséase nos 4 elementos (as 4 C) do currículo (Coyle, 1999):

  1.           Contido: inmersión no coñecemento e na comprensión dos contidos específicos dunha materia. 
  2.           Comunicación: emprego da lingua estranxeira como ferramenta de comunicación. 
  3.           Cognición: desenvolvemento das habilidades cognitivas que enlazan a formación de coñecementos e a lingua. 
  4.           Cultura: incorporación dun plano cultural que permita a exposición a diferentes perspectivas cara o coñecemento do propio e do alleo.

A ensinanza/aprendizaxe dunha lingua estranxeira a través da metodoloxía AICLE goza de innumerables vantaxes mais, con todo, poñela en práctica non sempre resulta doado. Un dos principais retos desta metodoloxía é ser quen de outorgar a mesma importancia aos contidos dunha materia e aos contidos lingüísticos da lingua estranxeira. Isto require unha estreita colaboración entre os docentes especialistas en linguas estranxeiras e os docentes especialistas noutras materias, que serán en última instancia os que imparten a materia. 

En España, o modelo AICLE é unha realidade dende comezos do novo milenio. En xeral, as primeiras impresións recollidas sobre a implantación do programa son optimistas, pero tamén existen unha serie de fraquezas que cómpre traballar, como o nivel da lingua estranxeira do profesorado que emprega o método AICLE. Este último supón xustamente unha das grandes críticas da comunidade educativa ao programa AICLE.

Se ben a ensinanza bilingüe ten moito que aportar ás novas xeracións de estudantes, aínda existe un debate aberto con respecto á metodoloxía AICLE. Está o noso profesorado especialista en materias non lingüísticas debidamente formado na actualidade para impartir unha materia noutro idioma? Está o corpo docente do noso país capacitado para achegar unha especialidade ao alumnado e dar a importancia que merece a corrección lingüística na lingua estranxeira? 

 



 REFERENCIAS:

Comentarios

  1. Ola Andrea!
    Moitas grazas por compartir esta entrada tan completa sobre o tema 1 e afondar na metodoloxía AICLE, eu dediqueille tamén unha entrada na materia de Contexto xa que me parece súper interesante e idealmente o modelo a seguir para conseguir mellorar a competencia lingüística en linguas estranxeiras nas aulas.
    Digo “idealmente” porque coincido totalmente contigo en que aínda queda un longo percorrido para levar á práctica esta metodoloxía dun xeito efectivo, sobre todo polo que comentas con respecto ao nivel de lingua estranxeira que se precisa por parte do profesorado que emprega o método AICLE para poder impartir as súas materias, e tamén o seu grado de implicación con respecto aos contidos lingüísticos implícitos.
    Confiemos en que xa se estean a realizar accións de mellora neste sentido e este tipo de métodos se implanten de forma 100% efectiva nas aulas nun futuro próximo!
    Unha aperta 😊

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares